Non houbo que esperar máis. O obxectivo estaba claro: catro partidos e catro finais. Non fixo falta chegar á última: o noso Primeiro Equipo gañou hoxe á S.C.D. Poio por 1 a 0 en Mirallos, e certifica matemáticamente o ascenso directo ao acadar a segunda posición.

Non foi un partido apto para cardiacos, nun Mirallos ateigado de espectadores que viviron un encontro intensísimo. Comezou o partido cos dous equipos tanteándose e medíndose, sen dominio claro por parte de ningún dos dous, cun Moraña que buscaba triangular e avanzar tocando, e un Poio que apostou por un fútbol máis directo, buscando balóns á espalda dos centrales morañeses. Non houbo ocasións claras neste primeiro tramo, pero pouco a pouco o Moraña comezou a apretar e a xerar perigo.

Antes do gol, xa Jesús e Kapi probaran ao porteiro visitante. Pero no 25 David, nunha gran xogada colectiva, plántase no man a man ante David Arosa, ao que bate por baixo. O primeiro paso estaba dado, pero a renta era mínima. Tiveron os nosos algunha opción illada neste último tramo da primeira parte, sen que o Poio inquietara salvo nalgún desaxuste defensivo. Así se chegou ao descanso.

IMG_20160410_171030Tralo paso polos vestiarios, o escenario cambiou. Segundo pasaban os minutos, os nervios comezaron a facerse donos do xogo morañés, e o Poio volcou o campo cara a meta de Cabanelas. O centro do campo morañés perdeu folgos, e o partido rompeuse. En lugar de buscar o dominio, os nosos metéronse nun encontro de ida e volta que non lle viña para nada ben e as ocasións visitantes comezaron a chegar con bastante perigo. Puido cambiar de todo o encontro se o árbitro pitara un clarísimo penalty a Damián, que marchaba só ante o porteiro. Mandou seguir.

Os últimos minutos foron de nervio puro, cunha clara opción do Poio que case a porta vacía o dianteiro mandaba fóra, e un Moraña que no último tramo sí supo temporizar e enfriar o partido, e manter a victoria pola mínima. Co pitido final certificábase a victoria e o ascenso.

Noraboa a este equipo, a todos estes xogadores que traballaron a reo durante todo o ano para lograr o obxectivo, a toda a afección que os levou en volandas, e a Dani «Chino» e Juan Jesús, por capitanear este barco que hoxe, por fin, chegou a bo porto.

O único lunar deste día de ledicia foi a mala nova da morte dun pariente moi cercano e querido dun dos nosos xogadores, Jesús. Dende o clube dámoslle o máis sentido pésame e agradecémoslle o seu compromiso co equipo. Acompañámolo no sentimento.

FICHA TÉCNICA

Moraña C.F. 1 – 0 S.C.D. Poio

Moraña C.F.: Caba, Julián (Martín, min. 87), Alberto, Iago, Kamatxo, David, Miguel, Damián, Kapi (Miguel Zas min. 83), Jesús (Borja, min. 88) e Viti (Manu, min. 87).

S.C.D. Poio: David Arosa, Óscar, Dani, De la Torre, Ramón, Rubén (Jesús, min. 89), Sergio, Manuel, Adrián, Carlos (Bryan, min. 74) e Jacobo (Diego min. 65).

Goles: 1-0 David (min. 25)

Compárteo!

Deixa un Comentario