A RFGF decreta a suspensión de toda a competición en Galicia de fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico desde mañá e durante as próximas dúas semanas
Ante a situación de urxencia que está xerando a expansión do Coronavirus COVID-19 e logo dos comunicados do CSD e o emitido esta mañá pola Real Federación Española de Fútbol no que decreta a suspensión da competición de fútbol e fútbol sala de ámbito estatal durante as dúas próximas semanas, recomendando ademáis a mesma medida a todas as federacións territoriais, a Real Federación Galega de Fútbol informa que TODA a competición en Galicia de fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico tamén queda SUSPENDIDA durante ese mesmo prazo de dúas semanas. Medida de urxencia que comeza a ser efectiva desde mañá xoves

A RFGF non quere crear ningún tipo de alarma, pero esta decisión extraordinaria enténdese necesaria para unha situación que é claramente extraordinaria. Dentro da nosa capacidade pretendemos con esta medida garantir a saúde e seguridade dos nosos deportistas e de todas as persoas que dun ou doutro xeito move cada partido de fútbol, fútbol sala e gaélico que se disputa en Galicia.

Con esta decisión tamén se busca manter a homoxeneidade da competición estatal e autonómica dentro da nosa comunidade e tamén para non quedar a expensas de posibles suspensións motivadas por peches de instalacións en determinados concellos.

A RFGF manterá un permanente contacto coas autoridades deportivas e sanitarias de Galicia, así como a Federación Española, e informará puntualmente aos clubs de calquera cambio que se produza no referente a esta decisión.

A RFGF convocou para mañá con carácter de urxencia aos delegados federativos e aos membros da Xunta Directiva para definir os procedementos e medidas necesarias no que respecta ao ámbito competicional, co fin de que os clubs coñezan o antes posible todas as modificación que se deberán realizar como consecuencia desta suspensión.

Compárteo!

Deixa un Comentario