Aquí vos deixamos os resumos de todos os partidos que as distintas categorías do Moraña C.F. xogaron esta fin de semana.

Biberóns 4 – 7 E.D. Poio

 

Os Biberóns pecharon a súa participación na Liga de Poio, acadando a quinta posición na Clasificación Final. Os nosos xogaron o seu último encontro ante o anfitrión, a E.D. Poio na mañán do sábado no pavillón da Seca. Un encontr oi emocionante que rematou cun marcador de 4-7, nun ida e volta contínuo. Os goles morañeses foron obra de Saúl (3) e de Lucas.

Dende o Clube, dámoslle a noraboa a esta xeración de Biberóns, que realizaron un grandísimo traballo esta tempada e nesta Liga. Nas vindeiras xornadas, estes rapaces seguirán a súa formación con partidos amigables e participando en varios torneos.

Ficha Técnica

Moraña C.F.: Iago, Saúl, Alba, Lucas, Jorge, Héctor, Eric e Anxo.
Goles: Saúl (3) e Lucas.

 

Salgueiriños C.F. 0 – 3 PREBENXAMÍNS

Na mañán do domingo, os Prebenxamíns viaxaron á Xunqueira 2 (Pontevedra) para enfrotarse en encontro ligueiro ao Salgueiriños C.F. O equipo de Roberto Vidal viaxaba a este encontro con moita ilusión, pero con tres baixas de última hora por enfermidade, o que fixo necesario chamar a Saúl (biberón) para completar a convocatoria.

O encontro foi moi igualado a pesares do que reflicte o marcador final, sobre todo no primeiro tempo no que as oportunidades foron para ambos conxuntos. O único gol nestes primeiros 25 minutos foi obra de Fernando no minuto 17, aproveitando un balón solto na área tras unha xogada embarullada.

No segundo acto os nosos desatáronse, e acadaron unha maior vantaxe. Xoel fixo o 0-2 no minuto 35, Fernando o 0-3 no 40 e Xoel certificou o resultado final no ´45 co 0-4 definitivo.

Noraboa aos Pres por este gran traballo!! A seguir así!

Ficha Técnica

Salgueiriños C.F.: Hugo, Pablo, Xabi, Juan, Miguel, Celia, Tidiane, Miguel, Xian e Jose.

Moraña C.F.: Roi, Aarón, Joel, Iago, Xoel, Fernando, Mauro, Mario, Saúl e Lois.

Goles: 0-1 Fer (min. 17); 0-2 Xoel (min. 35); 0-3 Fer (min. 40); 0-4 Xoel (min. 45)

BENXAMÍNS 1 – 3 Villalonga F.C.

Os Benxamíns xogaron na mañán do sábado no Buelo ante o Villalonga F.C. partido correspondente á xornada de Liga. Os rapaces de Eloy xogaron a un gran nivel, con bos momentos de fútbol, pero non puideron co rival.

Adiantáronse os nosos benxamíns cun gol de Lucas, case sen ángulo, na liña de fondo, que sorprendeu a todos no minuto 7. Reaccionaron os visitantes rápido, e antes do descanso xa lle deran a volta ao marcador, facendo a igualada Manuel no 11, e poñendo terra de por medio Pablo (min. 23) e Rodrigo (min. 24).

A pesares de que durante os segundos 25 minutos houbo ocasións, non se moveu o marcador, e o 1-3 foi o resultado final. Bo traballo dos Benxamíns, a seguir pelexando!!

Ficha Técnica

Moraña C.F.: Rubén, Xabi, Aitor, Lucas, Anxo, Aleixo, David, Jonathan, Iker, Nico e Ethan.

Villalonga F.C.: Dani, David, Basdedios, Christian, Pablo, Dani, Rodrigo, Manuel, Dani, Javi, Hugo, Martín e Manuel.

Goles: 1-0 Lucas (min. 7); 1-1 Manuel (min. 11); 1-2 Pablo (min. 23); 1-3 Rodrigo (min. 24)

Alevíns 2 – 1 Céltiga C.F.

Partido de Liga para os Alevíns na mañán do sábado no Buelo, ante un rival moi duro, como foi o Céltiga C.F. Seguindo coa tónica de todos os encontros desta segunda fase da liga alevín, o encontro foi igualadísimo.

Os nosos encarrilaron cedo o encontro, marcando Álvaro no minuto 13 o 1-0 e facendo Pablo Mouriño cun gran gol o 2-0 só 7 minutos despois. Parecía que o encontro ía a caer do noso lado, pero Pablo Piñeiro acurtaba distancias e o encontro estivo nun fío ata o pitido final. Non se moveu o marcador pese as ocasións, e ao final dos 50 minutos. 2-1 para os nosos.

Non foi un dos mellores partidos dos nosos alevíns, pero acadaron os puntos. A seguir traballando e mellorando.

Ficha Técnica

Moraña C.F.: André, Saúl, Damián, Álvaro, Pablo, Mateo, Jorge, Aday, Sergoi e David.

Marín C.F..: Tania, Pablo, Adrián, Alex, Xavi, Gabriel, Cristian, Marcos, Pablo, Rubén, Brais e César.

Goles: 1-0 Álvaro (min. 13); 2-0 Pablo Mouriño (min. 21); Pablo Piñeiro (min. 26)

INFANTILES 1 – 3 Salgueiriños C.F.

Os Infantiles xogaron na mañán do domingo ante o líder, nun encontro moi importante para pelexar polos postos máis altos da clasificación e que non defraudou. Só os pequenos detalles fixeron que a balanza se decantara para un dos dous equipos, xa que a igualdade foi máxima.

Non houbo goles nos primeiros 40 minutos, cun gran traballo colectivo dos nosos, pechando  espazos e xogando con moita intensidade. Houbo ocasións polos dous bandos, pero ningún dos dous equipos logrou finalizar en tanto ese perigo.

Na segunda metade, o Salgue logrou adiantarse no 51, cun gol de Mario. Os nosos reaccionaron de inmediato, e da xogada de saque de centro, Raúl facía o 1-1. Seguía a igualdade máxima ata o último tramo de encontro, no que os pontevedreses por medio de Emlio (min. 71) e Alberto (min. 76) poñían o marcador no 1-3 final.

Gran traballo dos Infantiles, que xogaron a un altísimo nivel. A seguir así, a tempada está sendo moi boa.

Destacamos o detalle que tiveron os xogadores desta plantilla Infantil co seu compañeiro Pablo Fraga que sufriu unha lesión esta semana. Dende o Clube, moitísimo ánimo Pablo! Dentro de nada, xa estarás xogando outra vez!!

Ficha Técnica

Moraña C.F.: Óscar, Isma, Jonathan, Rubén, Lucas (Ivan García, min. 74), Domi, Pereira, Raúl, Javi (Iván Suárez, min. 69), Amestoy (Alex, min. 61) e Dani Fontán.

Salgueiriños C.F.  «B»: Victor, Jon Ander, Emilio, Mario (Alberto, min. 73), Fer, Pablo, Mario Balagones, Leo (Diego, min. 62), Dani (Alejandro, min. 53), Iago e Andrés.

Goles: 0-1 Mario (min. 51); 1-1 Raúl (min. 51); 1-2 Emilio (min. 71); 1-3 Alberto (min. 76)

Xuveniles 3 – 3 Villalonga F.C.

Partido dos que fan afección o xogado polos nosos xuveniles na mañán do sábado e seguindo a liña dos últimos encontros dos nosos: de menos a máis. O encontro comezou cun Moraña dubitativo, que non disputaba os segundos balóns e sen meter o pe, circunstancia que aproveitaron os visitantes para poñerse cun cómo 0-2 no minuto 11, con goles de Alejandro e Miguel. Para máis INRI, na xogada do segundo gol, Xián caía lesionado. Entrou o cadete Isma Escariz a substituílo, pasando Raúl a central.

Neste segundo tramo da primeira parte comezou a reacción local, chegando incluso a ver como non se lles daba un gol «fantasma», e se lles anulaba un golazo de volea de Adri totalmente legal. O resultado ao descanso foi este 0-2.

Nos segundos 45 minutos, os nosos foron de menos a máis, xogando cada vez máis en campo rival. Martín, que substituira a Manu Sayáns no descanso, fixo un golazo para o 1-2 no minuto 55, un misil que se colou pola escadra dereita dos visitantes. Este gol espoleou aos nosos que comezaron a crer e se foron descaradamente para arriba.

Quedaba aínda un obstáculo máis para sacar algo en limpo deste encontro, e foi que Alejandro no 73 poñía o 1-3 nunha moi boa internada por banda esquerda. Non se rendiron os nosos xuveniles, e de novo Martín cunha precisa vaselina poñía o 2-3 no 83. Parecía que este ía a ser o resultado ao final dos 90 minutos, pero na última xogada do encontro, Álex combina en banda e fai unha subida fulgurante por banda esquerda, entra na área e fai un tiro cruzado, que malia que bate ao porteiro, da no pao. Ferro, moi atento ao rexeite, colle o balón e marca o definitivo 3-3. Non houbo tempo para máis, e o árbitro decretou o final do encontro.

Bo traballo de conxunto dos Xuveniles e dos Cadetes que foron a axudar neste partido. Toda meditar nos comezos dos encontros, saír máis enchufados!! Polo demáis, gran traballo de fe e de esforzo.

Ficha Técnica

Moraña C.F.: Manu Carracedo, Héctor (Javi, min. 67), Xián (Isma, min. 15), Abalo, Álex, Pablo González (Gabriel, min. 52), Iago (Reboredo, min. 59), Raúl, Adri, Manu Sayáns (Martín, min. 45) e Ferro.

Villalonga F.C.: Marcos, Adri, Jorge, Rubén (Jose, min. 64), Francisco (Raúl, min. 79), Borja (Marcos, min. 85), Jose, Isma, Alejandro, Iván e Miguel.

Goles: 0-1 Alejandro (min. 8); 0-2 Miguel (min. 11); 1-2 Martín (min. 55); 1-3 Alejandro (min. 73); 2-3 Martín (min. 83); 3-3 Ferro (min. 94)

Compárteo!

Deixa un Comentario