• Os nosos xogaron un gran encontro no que chegaron a poñerse 3-0.

  • Un golazo de David Dios de falta no desconto desfixo o empate e deixa os 3 puntos na casa.

Xornada 12 do Grupo V da 1ª Autonómica na que o Moraña recibiu ao Caldas no campo do Buelo para a disputa dun novo derbi comarcal. O partido contou cunha gran asistencia de público que ateigou as gradas.

Podedes ver os vídeos dos goles do Moraña ao final desta páxina.

Vitoria dos nosos diante do Caldas nun auténtico partidazo no que se puideron ver ata 7 goles. O primeiro gol da tarde foi obra de Víctor ao transformar un penalti enganando moi ben ao porteiro visitante. Os nosos seguían chegando con perigo a través de xogadas elaboradas de varios toques, mentres o Caldas optaba sobre todo por balóns en longo. E foi tras un contragolpe moi ben levado co que se conseguiu o 2-0 xusto antes de que o árbitro pitara o final do primeiro tempo.

Na segunda parte, o Moraña volvía marcar nada máis arrancar logo dun gran disparo de Jorge Miser que entrou moi axustado ao pao. Seguían apretando os nosos buscando máis goles, e dispuxeron de varias ocasións para facelo. Pero o Caldas recortou distancias nunha xogada a balón parado, un dos seus puntos fortes. E dez minutos máis tarde, lograban poñerse a só un gol de distancia logo doutro saque de esquina na que a nosa defensa non conseguiu despexar con solvencia.

O Caldas comezou a crer na remontada e fixo o 3-3 ao final do partido logo dun desprazamento en largo no que o balón lle caía ao seu dianteiro e batía a Iván no man a man. O Moraña non podía crer que lle empataran un partido no que chegou a ir cunha vantaxe de 3 goles e con ocasións de aumentala aínda máis. E xa no tempo de desconto, un lanzamento maxistral de falta de David Dios coouse pola escadra facendo que o público se puxese en pé. Era o gol que poñía o 4-3 definitivo no marcador.

O vindeiro domingo tocaranos visitar o concello de Bueu para disputar a 13ª xornada de liga contra o C.D. Beluso.

FICHA TÉCNICA

Moraña C.F.: Iván García, Víctor Calderón (Leroy Ruegg, 79′), Jesús Losada, Fernando R. Novegil, David Dios, Álex Domínguez (David García, 79′), Diego Pérez, Ángel Buceta, Jorge Miser (Josiño Pérez, 68′), Roi González (Dani Fontán, 72′) e Sebas Cores.

Caldas F.C.: Alberto Cascallar, Álvaro Suárez (Adrián Souto, 46′), Salvador Cascallar, Roberto Vidal (Manuel Pardo, 79′), Iván Vidal, Alejandro Rodríguez (Hugo Cascallar, 76′), Juan Carlos Caamaño, Marco Herbojo, David Alexander Grande, Iván Goldar e Raúl Gil (Joel Sánchez, 69′).

Goles: 1-0 Víctor Calderón (min. 23) 2-0 Diego Pérez (min. 45) 3-0 Jorge Miser (min. 46) 3-1 Iván Goldar (min 66) 3-2 Adrián Souto (min. 77) 3-3 Juan Carlos Caamaño (min. 91) 4-3 David Dios (min. 95)

Árbitro: Don Javier Pérez Malvido. Amonestou a Alberto Cascallar e Alejandro García polo Caldas.

Compárteo!

Deixa un Comentario