• Por fin, a primeira victoria na Preferente.

  • Os nosos comezaron perdendo.

Fíxose esperar 8 xornadas, pero por fin o Moraña C.F. puido celebrar a súa primeira victoria da tempada, e a primeira da historia na Rexional Preferente. Enfronte os nosos tiñan ao Atlético Arnoia, que chegaba ao Buelo na metade da táboa e tras vencer ao Pontellas. Unha victoria necesaria e das que se chaman balsámicas.

Malia todo o encontro comezou mal para o Moraña. Tras un primeiro tramo igualado e non que ningún equipo xerara perigo, o colexiado sinala un penalti a favor do Arnoia. Alfredo Veiga batía a Rosa no lanzamento. 0-1, minuto 18, pero moito partido por diante.

O gol non fixo baixar os brazos aos nosos, que lle foron collendo o punto ao encontro. Aarón tivo o empate nun remate que se foi ao longueiro, pero foi Seydou no 41 o que poñía a igualada de cabeza aproveitando un gran centro de Andrés. Co empate, marchamos ao descanso.

Seguiu a mesma tónica tralo paso polos vestiarios, cun Moraña que seguía entonando e xerando perigo. No minuto 53, Seydou aproveita un erro de Martín para poñer aos nosos por diante 2-1. Os nosos dábanlle a volta ao encontro pero con moito tempo por diante… e cos precedentes dos puntos que voaron nos últimos minutos esta tempada.

Pero por fin Aarón no minuto 85 sentenciaba aproveitando un rexeite do meta visitante e facendo o definitivo 3-1. Un gol que certificaba a victoria e facía xustiza a todo o traballo realizado polos xogadores neste primeiro tramo de tempada no que non daban acadado tres puntos dunha tacada. E con estes, abandonamos a última posición.

Primeira victoria do Moraña C.F. na Rexional Preferente, unha xornada para gardar na historia do Clube… e que agardamos que sexa a primeira de moitas máis. A cousa non para, e o próximo domingo enfrontámonos ao C.D. Pontellas. Vamos, Moraña!!

FICHA TÉCNICA

Moraña C.F.: Alexandre, Marcos, Carlos, Fernando, Aarón, Pablo Cancela (Álvaro, min. 10 – Mateo, min. 86), Seydou, Dyego (Velay, min. 84), Nico, Andrés (Martín, min. 58) e Javi.

Atl. Arnoia: Martín, Alfredo, Pablo, Dani (Álvarez, min. 76), Mario, David, Marco (Arce, min. 76), Samu, Adri, Enrique (Rubén, min. 58) e J. María.

Goles: 0-1 Alfredo (min. 18, penalti); 1-1 Seydou (min. 41); 2-1 Seydou. (min. 53); 3-1 Aarón (min. 85).

Árbitro:  D. Iván Mosquera, auxiliado por D. Alejandro Viéitez e D. Jose Ramón Martín. Amonestou a Martín polo Moraña e a Edu, Samu e J. Marína polo Arnoia.

Compárteo!

Deixa un Comentario