Terceira xornada de liga para os Veteranos, e un novo encontro igualado e disputadísimo nos seus 90 minutos. Por primeira vez en moito tempo, o míster morañés tivo moitísimas opcións, xa que a convocatoria foi de 17 xogadores. O rival, que chegaba só cun punto no taboleiro non era para nada doado, xa que viña de colleitar ese punto ante o Xeve Veteranos.

Dende o pitido inicial xa se veu que o encontro íase a decidir por pequenos detalles, xa que como comentamos anteriormente, o nivel era moi parexo. Os erros eran o único feito que provocaba perigo nas áreas, coas perdas de balón en zonas comprometidas sobre todo. Aínda así, nos primeiros minutos non houbo ocasións claras, aínda que os dous equipos mostraron as súas cartas: o Moraña tentando combinar para avanzar, e o Vilagarcía buscando rápidas contras á espalda da defensa morañesa, buscando aos seus veloces dianteiros.

Abreu a lata Óscar Barros, cunha xogada que se iniciou cun saque de Rafa Sierra á banda esquerda, control de Toño Orois, combinación rápida e balón ao espazo para que Óscar definira maxistralmente. Este gol espoleou aos visitantes, que se volcaron aínda máis en ataque, xerando moito perigo no balón parado, sobre todo con faltas na frontal que os morañeses non deixaban de facer pese á desesperación do adestrador. Chegouse con este 1-0 ao descanso.

Nos segundos 45 minutos, a tónica estaba clara: o Moraña salía a tentar pechar o encontro, e os visitantes a tentar a igualada buscando os espazos e a velocidade. Os nosos saliron cun pouco de «empanada» a este segundo acto, e nestes minutos o Vilagarcía fíxose dono do encontro.

Tanto foi o cántaro á fonte, que acabou rompendo. Unai, despois de lanzar 3 faltas con perigo, por fin logrou batir a Rafa, nun lanzamento que o gardameta chegou a tocar pero non a desviar. Este foi o primeiro gol que o Moraña C.F. Veteranos recibiu nesta nova Liga Federativa.

1-1 no electrónico e 30 minutos por diante, partido novo. Estaba bastante claro que o equipo que lograra un gol se levaría o encontro, e afortunadamente foron os nosos os que o fixeron. Boa presión de Toño Orois ante o central rival, roubo e man a man co porteiro. Sorpresivamente esta vez non lle temblou o pulso, e bateu a Carlos, poñendo o 2 a 1 definitivo.

Os últimos minutos foron de infarto, xa que con todo perdido os visitantes volcáronse ao ataque, e o Moraña, nervioso, non era quen de manter a posesión e enfriar o encontro. Tiveron varias os visitantes para facer o empate, pero tamén os morañeses para pechar o encontro, nuns últimos minutos de ida e volta. Pero co asubío final, 2-1 e 3 puntos máis para o Moraña Veteranos.

Bo encontro e boa aportación de todos os xogadores, que logran escalar ata a 3ª posición. Próxima parada, San Pedro Bar Naranjito.

FICHA TÉCNICA

MORAÑA C.F.: Rafa Sierra, Sayáns, Toño Orois, Jairo, Nico, Óscar Barros, Juan, Pablo, Yeyo, Fuentes, Toño García, Pedro Porto, Velay, Iago, Mario, Josete e Fran.

VILAGARCÍA PAZO DA GOLPELLEIRA: Carlos, Jose, Diego, Unai, García, Juan Carlos, Enrique, Alberto, Marcos, Ramón, Jose Angel, Javier e Óscar.

GOLES: 1-0 Óscar Barros (min. 20); 1-1 Unai (min. 61); 2-1 Toño Orois (min. 68)

Compárteo!

Deixa un Comentario