• Empate en Monte da Lomba que permite manter o liderato.

Nova xornada de Liga para o noso Primeiro Equipo, que viaxaba ao Monte da Lomba para enfrontarse á U.D.S.M. Deiro. Un encontro a priori nada sinxelo, e que estivo cheo de alternativas. O Moraña saíu a por todas, con moita intensidade e buscando abrir a lata pronto. As ocasións comezaron a chegar, e tiveron o primeiro nos pes de Ferro e tamén cun disparo lonxano de Pablo. Pero foi Rodrigo, no 22 o que aproveitou un lío no área local para, de cabeza, poñer o 0-1. Este gol deu tranquilidade, pero fixo que os nosos baixaran un chisco o pistón, feito que aproveitou o Deiro para comezar a ter máis posesión e a entrar no partido. Malia todo, co 0-1 se chegou ao descanso.

Na segunda metade, o encontro seguiu nesa liña, co Moraña xerando pouco perigo e cun Deiro que paso a paso comezaba a telas máis claras: dous remates a balón parado e un disparo que foi ao longueiro avisaban do perigo. E a confirmación chegou no 86, cun penalti bastante riguroso sinalado polo colexiado e que David aproveitou para poñer o 1-1. Pouco tempo quedaba para a reacción, pero aínda así tiveron ocasións os nosos dende o córner e nalgunha acción puntual. Pero non puido ser, e ao final dos 90 minutos, reparto de puntos.

Cos resultados desta xornada, os nosos manteñen a primeira posición da Liga, pero coa cabeza máis apretada que nunca. Só seis puntos separan ao primeiro do sexto clasificado e con varios enfontamentos directos que aínda quedan, vai ser un final de tempada de auténtico infarto. Próxima parada ligueira, a Lanzada, para xogar ante a S.D. Noalla.

FICHA TÉCNICA

U.D.S.M. Deiro.: Dani, Diego, Gabri, Eloy, Pablo, Eddy, Rubén, Yago, David, Juan e Angelo. Tamén xogaron Rios, Jorge, Abel, Alberto e Juan Manuel.

Moraña C.F.: Anxo, Iván Goldar, Pablo Cancela, Rober, Iván Vidal, Edu, Celso, Ferro, Suso, Andrés e Rodrigo. Tamén xogaron Allan, Caba, Borja, Yeray e Pablo Porta.

Goles: 0-1 Rodrigo (min. 22); 1-1 David, penalti (min. 86).

Compárteo!

Deixa un Comentario